Thursday 02 de May de 2024

Atletas de 25 nacionalidades diferentes participarán este sábado no Gran Premio Cantóns de marcha


A delegación máis numerosa será a española con 50 representantes, seguida pola mexicana con 26 atletas, a colombiana con 17 e a chinesa con 15

Mañá, sábado 3 de xuño, terá lugar o XXXVI Gran Premio Internacional Cantóns da Coruña – Trofeo Sergio Vázquez de marcha, considerada a proba máis importante do mundo desta disciplina tras os Xogos Olímpicos. A proba contará, un ano máis, coa presenza dos mellores atletas mundiais.

Tras o peche da inscrición, hai confirmada a presenza de atletas de 25 nacionalidades diferentes, contando cos países máis importantes nesta disciplina, como Italia, China, Ecuador, Perú, Xapón ou Suecia. En total, haberá 225 corredores e corredoras. A delegación máis numerosa será a española, con 50 representantes, seguida pola mexicana con 26 atletas, a colombiana con 17 e a chinesa con 15.

O Gran Premio Cantóns comezará ás 17.00 horas do sábado na contorna do Obelisco. Ás 17.00 horas será a saída da carreira de 20 quilómetros feminina, ás 17.07 horas será a quenda da proba de 10 quilómetros internacional e ás 19.00 horas a da carreira de 20 quilómetros masculina.

A proba retransmitirase en directo. Ademais, antes do Gran Premio Cantóns disputarase o XI Trofeo Memorial Josefina Romero, unha proba destinada ás categorías inferiores que contará con tres distancias: un, dous e cinco quilómetros.

As alteracións ao tráfico previstas durante a xornada
O circuíto do Gran Premio Internacional Cantóns da Coruña – Trofeo Sergio Vázquez de marcha terá unha lonxitude de 1.000 metros entre o Teatro Colón e a praza de Mina, e a zona de servizos estará instalada na contorna do Obelisco.